Decálogo verde


Existen realmente problemas ambientais? Son tan importantes? Están relacionados coa pobreza e a desigualdade? Que ten que ver todo iso
connosco, cos nosos modos de vida, coa nosa fe?

O Papa Francisco, na Encíclica Laudato Si, responde a estas cuestións cunha invitación a reflexionar e participar nunha auténtica ecoloxía humana (LS 5), porque "non hai dúas crises separadas, una ambiental e outra social, senón unha soa e complexa crise socio-ambiental" (LS 139). Insiste en que o gran desafío é responder á crise económica, social e ambiental que hoxe ameaza ao planeta e á humanidade; onde os pobres son as principais vítimas. Chámanos a "Escoitar tanto o berro da terra como o berro dos pobres" (LS 49).

Desde "Enlázate pola Xustiza" querémonos sumar a esta misión compartida cunha campaña de dous anos, coa que pretendemos sensibilizar e animar ao compromiso. O "Coidado da Creación" supón un modelo distinto de desenvolvemento, xusto, solidario e sustentable, cunha cidadanía global disposta a implicarse e a mudar os seus hábitos de consumo e un estilo de vida centrado no ter. As comunidades cristiás temos que "vivir a vocación de ser protectoras da obra de Deus" porque non é "algo opcional nin un aspecto secundario da experiencia cristiá" senón unha esixencia da nosa fe e do anuncio do Evanxeo (LS 217).

Como parte da Campaña vaise utilizar un decálogo inspirado na Encíclica [1], que resume os retos fundamentais aos que nos enfrontamos. Cada dous meses abordarase un dos 10 principios a través da reflexión, a oración, o testemuño dos empobrecidos, os compromisos persoais e as propostas de acción.

1. Izuzquiza, D. SJ. "Decálogo verde para el siglo XXI" en Razón y Fe, tomo 272 (pax 195-205) nº1404, Outubro de 2015.

OS DEZ PRINCIPIOS:

1. Apoiarás a causa dos pobres
2. Redescubrirás o valor da simplicidade na túa propia vida
3. Valorarás a importancia dos teus comportamentos cotiáns
4. Apreciarás a diversidade do noso mundo
5. Animarás unha conversión persoal, eclesial e comunitaria
6. Impulsarás as decisións necesarias, aínda que sexan custosas
7. Non supeditarás a túa acción aos intereses económicos
8. Afondarás na túa propia tradición espiritual
9. Asumirás os consensos científcos
10. Superarás o paradigma tecnocrático

Animámosvos a compartir o itinerario proposto no decálogo e a participar. A nosa fe e o noso compromiso cos empobrecidos móvennos a iso porque "son inseparables a preocupación pola natureza, a xustiza cos pobres, o compromiso coa sociedade e a paz interior"(LS 10) e porque "estamos chamados a ser os instrumentos do Pai Deus para que o noso planeta sexa o que El soñou ao crealo e responda ao seu proxecto de paz, beleza e plenitude" (LS 53).

Fai a descarga do folleto de campaña con puntos de Decálogo Verde: